O noso libro recomendado para este mes de abril é AS MALAS MULLERES, de Marilar Alexandre, editado por Galaxia Editorial.
Marilar Alexandre lévanos da man da súa novela ao século XIX, no contexto político das loitas de poder entre liberais e conservadores e o levantamento de Solís en Galicia coas duras represalias que o seguiron. Neste contexto a novela fálanos das mulleres que viven entón, das mulleres que sofren a historia e das que tentan cambiala. Destaca o personaxe de Concepción Arenal e o seu traballo na prisión da Coruña, así como a da condesa de Mina na que atopou unha gran amiga e colaboradora. Con elas, Aleixandre achéganos ás mulleres internadas na Galera, móstranos a través da ficción a miseria que as cerca que se agraba coas humillacións que han de sofrir por ser mulleres.
A novela transcorre intercalando o desenrolo de varias narracións e intercala tamén, cunha técnica narrativa máis arriscada e literaria, a historia das malas mulleres, das mulleres presas, as que matan, as que abortan, as que antes foron humilladas e agredidas, aquí emprega unha técnica que está entre a narración oral e o coro grego, e acude a romances e poemas doutras autoras coma Rosalía de Castro.