Illa Decepción de Berta Dávila, editado por Galaxia, último libro polo momento da autora, foi merecente este ano que ven de rematar do premio Narrativa Breve Repsol.
A autora continúa nesta novela a exploración na auto-ficción que comezara na súa anterior novela, Carrusel. Nesta ocasión, o campo de indagación no que se mergulla é o da casa e o territorio máis persoal. A autora déixase levar por intuicións e curiosidades pouco convencionais, e neste percorrido, baixo a súa ollada poética, xorde o novo e sorprendente que se agocha no ordinario e que nos mostra a modo de refachos reveladores, de asociacións e de imaxes.
Na escrita da novela irrumpeu, coma na vida de todas nós, o confinamento, e desta situación xorde outra serie de exploracións que se entrecruzan coas anteriores.
Escollemos unha breve cita que atoparedes na páxina 20, das moitas que nos engaiolaron nesta novela: "As rúas constrúen as rutinas e as rutinas constrúen a vida".
Convidámosvos a disfrutar da súa lectura.