XOSÉ NEIRA VILAS
Remuíño de sombras presenta a imaxe colectiva da comunidade galega de Buenos Aires. Novela que reconstrúe unha xeira histórica da diáspora dos galegos.
Despois da historia dun home na emigración que é Camiño bretemoso, Neira Vilas ofrécenos a novela da emigración no seu conxunto, composta cunha técnica de parqué, en palabras de Basilio Losada. Vidas cuns camiños que se encerellan, lembranzas comúns, xenreiras, incomprensións, anhelos o de volver ou o de non volver, homes apodrecidos na riqueza ou temperados na adversidade, todo un mundo sinfonicamente reflectido, amorfo, sen heroes cumpridos e escintilantes, coa grisalla morna dos días en sucesión abafante, co seu triunfo insuficiente, ou co fracaso esmagador.