|
6.- LEMBRANZA DE POVOS E LUGARES
¡...Terras de Cangas, Burela e de Fazouro
polas que andiven co corazón inquedo!
¡Santa Cecilia e San Acisclo...!¡Valadouro!
¡Milagre de San Martín de Mondoñedo...!
¡Terras que estais a ollar ó mar infindo,
raiando, na lonxanía, ó horizonte...!
¡Feiras da Espiñeira, Nois, Cordido...!
¡Ouh Pico da Lebre...! ¡Ouh Vilaronte!
¡Punta dos Cairos! ¡Cume da Frouxeira!
¡Meu río Masma...! ¡Regato do Colín!
¡Ouh paisaxe, montañosa e mariñeira:
vas rente ó corazón, metida en mín...!
7.- CANTIGA DE CADA DIA
Vín en Foz, nos días duros do traballo,
ós homes dos asteleiros e o trasmallo.
¡Qué ledicia, meu amor!
Eu vín en Foz, subir ó alto ceio puro,
un soño comunal coa sua luz de futuro.
¡Qué ledicia, meu amor!
Eu vín en Foz a seitura e mais a malla
e convivín co povo nobre que traballa.
¡Qué ledicia, meu amor!
Vín en Foz patrós de pesca e mariñeiros.
Vin armadores, labregos, conserveiros...
¡Qué ledicia, meu amor!
Eu vín en Foz a cada ún co seu afán
traballando arreo para ganar o pan.
¡Qué ledicia, meu amor!
8.- LEMBRANZA E HOMENAXE A NORIEGA VARELA
Unha ermida e unha estrela
dende Fondós cendo estou.
Antón Noriega Varela,
¡con qué emoción vos cantou!
Andiven por Foz pasmado
vendo a paisaxe vilega
e a percurar afanado
os poemas de Noriega...
Preguntei por don Antón
a un veciño, a outro veciño.
¡Latexos da sua canción
levaba o vento mariño...!
¡Levaba o vento na voz
miolagres do seu cantar...!
¡E eu andiven todo Foz
por Noriega a perguntar!
¡O gran Noriega Varela
da Montaña e da Mariña!
¡O centilar dunha estrela
suco e timón ilumiña...!
9.- SOLPOR
Foz, érguese fermosa como unha canción:
nos beizos a cantiga, na mao o timón.
¡Para loitar co mar e para abrir o terrón
fai falla ser valente e compre corazón!
¡Ondas do mar de Foz, altivas e algareiras:
vindes contra a terra feras e guerreiras!
¡Bicade con amor as praias e as ribeiras!
¡Que vosos sons irados se volten muiñeiras!
Foz, homilde e calada, sempre rente ó mar:
só a quen vai con ela lle dí o seu cantar:
nél o peixe e a espiga véñense a xuntar:
¡O milagre sinxelo nunca ten que contar!
NOVA CHAMADA DO MAR
Sinto ó mar en mín, chamarme
coa súa voz rouca, enorme,
poderosa.
As ondas xigantescas como montes
invaden o meu corpo,
énchenme de algas os pulmós,
deixan un sabor a iodo
nos meus escuros beizos;
nos ollos póñenme
un picor a sal, forte e amargue;
as gaivotas acénanme
coas súas azas de neve
e chámanme cos seus chíos:
laios desesperados que choran
na calma do solpor
e veñen a morrer
ó meu corazón desacougado.
E o meu vello amigo
o mar de Foz quen me reclama:
coñozo o seu acento gris,
a súa palabra airada,
o seu recendo rexo e masculino
e quéreme ó seu pé,
perto dos mariñeiros,
dos labregos,
das xentes populares
pra darnos a súa forza
e poñer en pé á nosa patria.
|