R E L A T O S

Título 1     Título 2
Página: 1 2 3
 
VERSOS FLORECIDOS EN LOUVANZA DE FOZ


1.- ABRENTE

¡Sinxela terra de Foz, labrega e mariñeira,
que estás a soñar docemente na ribeira,
ollando prás ondas do mar e a abelaneira
agarimada pola brisa de Llas e da Espiñeira!

¡Vosas doces soedades no meu corazón van,
terras homildes de Fondós e de Marzán
onde as redes mariñeiras a enxugar están
no medio das medas e os medeiros do pan!

¡Vós sabedes que o suco se semella ó ronsel,
que o vermello das algas é como o do carabel!
Povos senlleiros, de esprito sempre inxel:
¡se vos asentais na terra, o mar hevos fidel!

2.- INVOCACIÓN A SAN LOURENZO E A SANTIAGO

¡San Lourenzo, meu señor!
¡San Lourenzo, señor meu!
¡Na chama do teu amor
hasme de ollar de romeu!

Porque son bon mariñeiro
percorrín tódolos mares.
¡E si non teño diñeiro
moi rico son en cantares!

¡Ai Santiago, meu patrón,
que viñeches polo mar...!
¡Levo no meu corazón
unha estreliña a brilar!

¡As festas de Foz hei de ir
cunha aguillada na mao!
¡Verei as coitas fuxir
e escachizarse no chao...!

3.- CANTIGA Á TERRA

Terras de Foz, de arado e mais de pan
dende os agros de Fondós ós de Marzán.
E vou namorado.

Terras de Foz, de millo e de centeio,
nas que quero sementar o meu anceio.
E vou namorado.
Terras de Foz: ¡estais a ollar a ría,
mentras canta, no monte, a cotovía...!
E vou namorado.

Terras de Foz, sucadas polo arado
que vai voltando amor o sementado.
E vou namorado.

¡Terras de Foz, de sucos e timón:
hai que poñer na terra o corazón!
¡E vou namorado
das ondas do mar irado!


4.- CANCIÓN DO TROVEIRO

¡Antigo Muelle Pesqueiro!
¿Xardís Conde de Fontao!
¡Meu esprito é mariñeiro;
meu corazón, mariñao...!

¿Ouh vellas ruas do Mar
e de Salgado Toimil:
habedesme ollar pasar
nos amenceres de Abril!

¡Praia lonxana de Llas!
¡Fachendoso Alto da Grela!
¡Díxenvos miñas soidás!
¡Sabedes xa miña arela!

¡Ouh Pena da Rapadoira
que está na boca da ría!
¡O vento do norte agoira
tempestás na fantasía...!

5.- CANTIGA Ó MAR

O mar de Foz, amiga de ronseles floridos
polo que navegan os versos máis belidos.
Eu a navegar.

O mar de Foz, amiga, de escumas como rosas
e as ondas namoradas a cantar presurosas.
Eu a navegar.

O mar de Foz, amiga, de gaivota e navíos
leva por mareas ós soños máis esguíos...
Eu a navegar.

O mar de Foz, amiga, de rexos mariñeiros,
ten camiños de gozo e camiños tristeiros.
Eu a navegar.

E a ría de Foz, amiga, ¡qué leda muiñeira
se a brisa a navega, cantadora e lixeira...!
¡Eu a navegar
tan soio no teu mar!