|
"E ficieron justicia de muchos homes, que habían
cometido en los tiempos pasados fuerzas e crímenes,
entre los quales fizieron justicia de un caballero que se
llamaba Pedro de Miranda, e de otro caballero, que se llamaba
el Mariscal Pedro Pardo... E despues de presos, daban grandes
sumas de oro para la guerra de los moros porque los salvasen
las vidas; pero aquel caballero e aquel letrado no lo quisieron
recibir".
Crónica de los Reyes Católicos, Hernando del
Pulgar.
I. FOZ
Aínda no cumio da Frouxeira se deixaban ver os últimos
restos de neve, cando nas fragas dos roedores, a da Furna,
a Vella e a das Leiras, xa se escoitaban os cantos dos urogallos.
Altivos, soberbios, señoriais, nos seus cantadeiros,
desaiaban ós cazadores. O seu é morrer cantando,
loitando polo amor dos seus. Coma o meu Mariscal, don Pero
Pardo de Cela. Aquela primaveira e sobre todo aquel vrao do
1483 foran especialmente cruentos non só pola seca
que viñera senón polas derradeiras loitas, que
mermaran o número de defensores do castelo. No ambiente
palpábase algo estraño –es calma chicha,
fusca, silandeira: rostros cansos e almas desmoralizadas.
Xa iba para tres anos de rexa loita, moita morte e sangue
ás concadas. Na Frouxeira, a penas quedaban cincuenta
homes, pero iso era o de menos, porque era inexpugnable. A
banda noroeste, e os camiños de San Acisclo, Santa
Cilla e San Matiño, eran nosos. Tiñamos homes
de cada pouco, escondidos, mantidos e ben armados, e polas
demais bandas era imposible conquistala. Segueremos matando
neles coma coscos.
Víñamos de facer o percorrido de sempre para
cobrar as rentas e foros. Necesitábamos maravedíes
para manter toda a peonada en loita. Íbamos –ademais
do Mariscal, o seu fillo, capitáns e lugartenentes-
25 lanzas e outros tantos peóns cos seus carruaxes.
En Mondoñedo, recibíranos o Cabido e despois
de xantar no Pazo Episcopal e recoller o diñeiro, subimos
ó alto de Arroxo e baixamos a Lourenzá. No convento,
fixemos a ofrenda ó Conde Santo e xa o Abade do mosteiro
nos tiña preparados as rentas e cartos en caixas e
saquetos: fabas, patacas, mazás, noces, pesegos, tarta
do Conde Santo e o primeiro mel e castañas do ano.
Pasamos as voltas do Ramalledo, coma sempre, con algo de medo,
e fixemos xornada en Cavarcos. Alí, na miña
casa patrucial, repuxemos forzas varios días e saímos
cara a Foz. Baixamos a Maradona e paramos na nosa Fortaleza
de Celeiro de Mariñaos para recoller os tributos e
sobre todo esos salmóns tan exquisitos, batidos pola
auga doce do Masma, que, conservados na súa propia
graxa en bidóns de madeira, dábannos para a
cea de moitos meses. O Mariscal co seu séquito persoal
quixo subir ó monte Corneria para contemprar desde
alí o azul do mar e do ceo. Era unha teima do señor:
subir ós outos para soñar. Pasamos o Pozo Mouro
e a casa dos Galeóns, onde estaba fondeado o Quintanero,
e chegamos á Espiñeira. Alí dimos algún
maravedí ós carpinteiros da ribeira. Sempre
agardaban con ansiedade a nosa chegada, ademais, ó
Mariscal gostáballe ver desde a ponte toda a marisma
da desembocadura do Masma: patos, garzas reais, grúas,
lavancos... Subimos ó alto de Marzán: Foz ó
fondo: proletario e mariñeiro; a barra, a bocana da
ría, as olas, a brisa, a ledicia do seu mar. Xa no
peirao, a Pelola, a Chinchonar e a Xica tíñannos
preparadas caixas de marisco e peixe para cociñar nas
longas noites de frío, soedade e sangue. Pasamos tamén
a recoller na fábrica de salazón barricas de
balea. Ó Mariscal gostáballe falar de política
có seu deno, Pedro Tapaia:
-¡Vante foder, Mariscal!: apoiaches á Beltranexa;
armácheslla en Viveiro; non acudiche ó chamamento
de Fernando de Acuña contra o arzebispo Fonseca; enemistácheste
cos Andrade e vai para tres anos que están asediando
a Frouxeira.
-Éme igual. Levo conmigo dúas cartas de “seguro
e amparo” escritas pola Raíña Isabel.
-¡Papel mollado! Recorda sempre aquello de que “Roma
non paga traidores”. Se tiveran boas intencións
os darriba, xa tiñan mandado parar o asedio.
-¡Bah! son o protexido do Bispo e o Cabido de Mondoñedo.
-Agora sí que me matache. Non sabes ese refrán
que se escoita pola mariña que dí “prefiro
ver unha filla puta que ter un fillo crego”. ¡Non
te fíes, Mariscal!
-Ademais agora, coa morte do meu sogro, o Conde de Lemos,
vou a ser dono de toda Galiza e parte da Península.
-Non soñes, meu Mariscal, ¿ou pensas que che
han deixar os Soutomaior, os Andrade, os Altamira e Lantaño,
os Ulloe e demais “deservidores do rei”?
-Pois eilles dar que facer.
-Iso é outra cousa.
Demos unha volta polas tascas e tabernas para tomar os chiquitos
e tapas de rigor. Agora que o penso foi coma unha especie
de despedida: O Cotarelo, O Barlovento, Pepa do Muso, Casa
Otilia e Remixia, O Chingla... ¡Qué longueiróns,
qué mexilóns, qué navallas, qué
polvo, qué valamares, qué percebes e qué
viño! ¡Bendita terra esta mariñeira, aberta
ós ventos e ós corazóns!: “Galiza,
doce mágoa das Españas, deitada rente ao mar,
ise camiño”. E seguemos xornada: o barrio do
Campo, mans e lombos cheos de penurias: naufraxios, tempestades,
morte. Alí tamén o meu señor deixou algúns
maracedís. O Mariscal tiña un corazón
rexo pero de ouro. Pasamos o campo da Cabana, A Rapadoira,
O Campo de Ramos: mar aberto, feras e doces ondas contra os
acantilados; O Ollo do Mar, A Ronquira, A Furada do Morto
e Llás. Viramos e tiramos para o alto da Grela. Naquel
altiño sagrado, despedíase do mar. Desde alí
a paisaxe era de ensoño: Fazouro, Burela, Ribadeo,
Tapia... Xa llo dixera Soutomaior: “Pide que te enterren
aquí para ver tódolos días a Deus, ó
lusco e fusco e os menceres”. Aquel día acordouse
especialmente de San Gonzalo: quen poidera acabar cos esbirros
de Mudarra da mesma maneira que o santo coas naves normandas
–dixo-. Bebimos auga da fonte da Zapata e baixamos cara
a San Martiño, catedral románica galega, a máis
vella da nosa terra, e chegamos a Santa Cilla, mesmo ó
pé da Frouxeira. Polo camiño viñemos
repartindo comida á peonada secreta. Rubimos de novo
ó sufrimento.
|