|
PRIMEIRO E FLOR NATURAL NOS PRIMEIRO XOGOS FLORALES DE FOZ, CELEBRAMOS POLO
SAN LOURENZO DE 1966
-------------------
...Musa que a Mariña estañas, ¡olla as
azules montañas desde as praias do desterro!
A. NORIEGA VARELA.
Celebrando a 2ª edición de Versos en louvanza
de Foz
Celebrar a publicación duns versos é unha
ledicia mais celebrar a súa reedición é
xa unha festa. trinta e un anos despois, librería Bahía,
de Foz, saca a 2ª edición do caderno poético
Versos florecidos en louvanza de Foz, que recollía
os nove poemas premiados nos primeiros Xogos Florales de Foz
1966. Aínda que estes poemas foron escritos especificamente
para participar no certame poético citado, non se axustan
á estructura convencional das composicións de
Xogos Florales (a saber, catro ou cinco partes así
distrubuidas: 1, comenzo; 2, loa; 3, cantiga; 4 prego; e 5,
remate). Deixou Manuel María o modelo convencional
e, en lugar de escribir unha "loa" ao uso, creou
nove poemas para homenaxear e cantar unha terra e un mar,
a terra e o mar de Foz, que el xa coñecía desde
anos atrás. Dan fe disto as catro colaboracións
xornalísticas que o noso poeta publicara xa antes de
1966:
1. "Breve inventario de la Costa Lucense", Vida
Galega, nº 38, Vigo-Lugo, maio, 1958.
2. "Un pueblo que vive en el mar", Faro de Vigo,
Vigo, 10-VII-1965.
3. "Sólo para focenses: en torno a un olvido",
El Progreso, Lugo, 11-VII-1965.
4. "Ante el Homenaje a Noriega Varela y Aquilino Iglesia
Alvariño", El Progreso, Lugo, 25-VII-1965.
Non son, pois, estes nove poemas o que comunmente denominamos
poemas de circunstancias ou de xogos florales, senón
poesía anténtica, poesía viva,
poesía que traduce o mundo sentimental e íntimo
do seu autor, mundo no que habitan as vivencias e experiencias
focenses. Por entón, mediados dos sesenta, Manuel María
estaba xa a escribir un libro de versos titulado Poemas a
cidades, libro nunca terminado pero importante na súa
traxectoria poética xa que sairían títulos
tan significados como Cantigueiro do Orcellón (1984),
Soneto ao Val de Quiroga (1988), Cancioneiro de Monforte de
Lemos (1990), e Cantigas e cantos de Pantón (1994).
É dicir, os Versos frolecidos en louvanza de Foz hai
que situalos nesta liña da sua poesía que xenéricamente
denominamos poemas de andar e ver ou Poemas a cidades, liña
que nace da firme vocación de poeta local que Manuel
María acreditou desde sempre: xa en 1952 escribiu o
seu primeiro libro de "poeta local", Poemas a Compostela,
libro que apareceu publicado corenta e un anos despois, en
1993.
A liña de poeta local atravesa, pois, a poesía
de Manuel María compartindo o tempo creativo con outras
liñas: a da poesía existencial dos anos 1950-1953,
a da poesía humanística e paisaxística
de 1953 a 1989, a da poesía socialrealista, amoros
ou intimista dos anos 1958 a 1977, a da poesía amorosa
e para nenos dos anos 1967 a 1980 e a da poesía intimista
de 1981 a 1995. É dicir, ao tempo que escribe poesía
existencial, socialrealista, amorosa ou intimista, escribe
tamén poesía "local", poesía
na que canta aquelas terras que ama e leva no seu corazón:
a Terra Cha, Monforte, Quiroga, O Carballiño, Compostela...
e tamén Foz.
Encadrado xa este caderno poético nos seu verdadeiro
contexto poético, compre só que sinalemos os
seus trazos máis significativos: formalmente, emprega
as mesmas estrofas que emprega nos libros citados:
a cuadernavía, presente nos poemas "Abrente"
e "Solpor", aparecen tamén nos poemas inicial
e final de Poemas a Compostela; o cosaute, presente nos poemas
"Cantigas á terra", "Cantigas ó
mar" e "Cantigas de cada día", aparece
tamén en todos os libros citados; e o mesmo se pode
dicir da cuarteta, presente nos poemas "Invocación
a San Lourenzo e a Santiago" e "Canción do
troveiro", e do serventesio, presente no poema "Lembranza
de povos e lugares". E se metricamente non se diferencia
dos restos dos poemarios citados, liricamente tampouco: nos
seus poemas latexa o tremor e a paixón amorosa que
naceu do encontro e coñecemento de terras, xentes e
mar, de xeito que, do primeiro ao último, encontrarás,
amigo lector, a palabra emocionada e sincera de quen ama e
canta co corazón.
En 1980, no Programa de Festas de Foz, aparecau publicado
un novo poema dedicado a Foz: "Nova chamada do mar".
Quixo, acertadamente, Manuel María incorporarlo a esta
segunda edición e só podemos felicitarmonos
por tal decisión. A súa incorporación
complementa o resto dos poemas, non só pola presencia
do verso libre, habitual no súa escrita poética,
senon tamén pola beleza lírica que a palabra
núa, limpa e sen artificiosidade é quen de levar
dentro de si.
O dito, a nosa noraboa a quen tivo a idea de reeditar estes
fermosos versos e as nosas felicitacións ao moi querido
povo de Foz e a tódolos focenses, destinatarios das
mesmas, para o seu gozo e deleite.
Lugo, primavera de 1998
CAMILO GÓMEZ TORRES
|